Miguel Cardoso: «O equipo mandou unha mensaxe moi forte de unión»


O adestrador do RC Celta, Miguel Cardoso, mostrou a súa satisfacción polo triunfo ante o Sevilla FC: “Estou contento pola vitoria, polos rapaces, polo club e pola afección. Hoxe demos un berro porque cremos en nós mesmos. Quero acordarme da afección e dicirlles que crean neste equipo. Hai que mirar cara adiante e que o estadio nos de a enerxía nos momentos malos e que xuntos celebremos os momentos bos”, apuntou en rolda de prensa.

Ademais, destacou o partido dos xogadores celetes. “Eu sabía que iamos competir moi ben e efectivamente o equipo mandou unha mensaxe moi forte de unión, de forza, de amizade…”.

O técnico portugués cualificou de “normal” o sufrimento dos últimos minutos e valorou positivamente o feito de non encaixar goles. “É importante que a portaría quedase a cero porque soubemos cumprir o plan que tiñamos. Non é fácil xogar contra un equipo como o Sevilla. Hoxe fomos recompensados e son puntos que nos facían moita falta”, asegurou.

Por último, tamén quixo acordarse da afección, que hoxe levou polo aire ao equipo. “Estou contento porque os afeccionados vanse a casa cun sorriso”.