O presidente Carlos Mouriño repasa a actualidade celeste

carlosmourino170415.jpg

O dirixente céltico falou sobre todas as áreas, desde a económica ata a deportiva

 


COMPARECENCIA ÍNTEGRA EN CELTATV


 

Carlos Mouriño, presidente do Real Club Celta, repasou esta mañá toda a actualidade do club vigués nun almorzo informativo cos medios de comunicación. O mandatario celeste tratou todas as áreas da institución, desde a económica ata a deportiva, e avanzou interesantes titulares como as renovacións de Augusto e Fontàs: “Son moi optimista. As negociacións están moi avanzadas e proximamente reunirémonos tamén con Orellana”, asegurou Mouriño. Na parcela económica o presidente céltico destacou que cando finalice a presente campaña a débeda “quedará reducida a uns 3.8 millóns de euros”.

 

A comparecencia de Carlos Mouriño, que tivo lugar na sala de conferencias do Museo do Celta en Balaídos, comezou co anuncio do número final de abonados na tempada 2014/2015: “Sufrimos un lixeiro descenso. Esta tempada somos 23.200”, comunicou o dirixente que asegurou que o club traballa para manter a solidez da masa social. “Non queremos ser un equipo que se chame Celta, queremos ser un CLUB que se chame Celta”, declarou o presidente, unha clara mensaxe en relación á aposta da directiva por mellorar e crecer non só no deportivo, senón tamén no institucional: “Queremos crecer en todas as nosas áreas”.

 

Un dos obxectivos para logralo é dotar de patrimonio ao RC Celta, como así se faría ao adquirir unha sede social en propiedade: “Volvemos a presentar a nosa oferta polo edificio do Círculo Mercantil porque, ademais de interesarnos o inmoble, podemos axudar a esta institución histórica”, declarou Carlos Mouriño que ve nesta operación “un investimento que fará aforrar moito diñeiro ao Celta e, ademais, achegar o club á cidade de Vigo”.

 

En relación á canteira, Mouriño subliñou a cada vez maior importancia da Fundación Celta no coidado da mesma e que o proxecto de fútbol base celeste continúa crecendo: “Xa podemos permitirnos buscar talento máis aló das nosas fronteiras”. O presidente deu importancia á recente visita dos 5 xogadores da escola do Celta en Campeche como síntoma da crecente proxección internacional do club: “A de Campeche é a primeira escola internacional do Celta e a demanda de inscricións que tivemos foi tan grande que non puidemos atendelas todas”. En canto ao filial celeste, Carlos Mouriño recoñeceu que “non rendeu o que esperabamos” pero convidou a todos a “non desesperarse e seguir confiando no equipo”.

 

Na quenda de rogos e preguntas o presidente foi consultado sobre temas concretos como Krohn-Dehli, do que asegurou que “é un gran profesional pero busca unha mellora económica que non podemos darlle”, ou Eduardo Berizzo: “Non dubidamos que Berizzo seguirá a próxima tempada connosco. Ten un ano máis de contrato e unha cláusula pola que non podería irse a adestrar a outro club”, comunicou Mouriño. O presidente tamén se referiu ás novas medidas da LFP nos estadios: “Somos un equipo moi respectuoso coas normas, pero pedimos que sexan equitativas para todos”.

Leave a Reply

eleven + 7 =