Hemeroteca canteira

O prestixio da canteira trascende fronteiras: Qatar e Perú súmanse a grandes torneos en España

RC Celta

muralcanteira2013.jpg

As invitacións aos conxuntos das categorías inferiores multiplícanse en todo o país e o estranxeiro

 

O prestixio da canteira do Real Club Celta transcende xa as fronteiras non só de Galicia, senón tamén de España. Ao club chegan cada vez máis invitacións para a participación dos equipos das categorías inferiores celestes en torneos de gran reputación que se desenvolven en distintas localidades da xeografía española e tamén noutros países. Nos próximos días, haberá representación da canteira céltica en, entre outros destinos, San Sebastián, Zaragoza, Alacante, Oviedo… e tamén en Qatar, onde viaxará o Cadete B do Real Club Celta. Perú será o destino do Alevín A no mes de xuño.

 

As solicitudes para a participación en torneos dos equipos das categorías inferiores celestes, sostidos pola Fundación Celta de Vigo, multiplicáronse nos últimos anos. Este notable aumento en cantidade e calidade de invitacións é unha boa proba do gran estado de saúde e do enorme prestixio dos que goza a canteira celeste, cuxo constante crecemento é motivo de satisfacción para unha afección que asumiu como propio o proxecto do club e contribúe de maneira activa ao seu impulso e consolidación.

 

Nas próximas semanas, os conxuntos da base do Real Club Celta participarán en máis de quince torneos, moitos deles fóra de Galicia e un nun exótico destino, en auxe pola súa condición de próximo anfitrión da Copa do Mundo de Fútbol, Qatar. Nese país, o Cadete B disputará, entre os días 11 e 14 de abril a “LFP Aspire Challengue Sub-15”, que terá lugar na cidade de Doha coa organización da Academia Deportiva Aspire, a liga de Fútbol Profesional (LFP) e a Asociación de Fútbol de Qatar.

 

Entre os conxuntos participantes, destacan Real Club Celta, Espanyol, Atlético, Sevilla, Valencia, Vilarreal, Athletic Club, Aspire Academy e Qatar Selection. O equipo celeste partirá no Grupo C, con Sevilla e Valencia.

 

A este torneo no estranxeiro hai que engadirlle outro cos mellores equipos españois en Lima, Perú, onde viaxará en xuño o Alevín A para disputar o XXI Torneo Nacional Fútbol 7-Fundación Larguero.

 

Xa o pasado verán, o Infantil B céltico viaxou a Corea para participar no torneo internacional sub-12 de Gyeongju, a viaxe máis longa realizado por un conxunto do Celta na historia do club.

 

Entre os torneos que disputarán nas próximas semanas os equipos celestes figuran algúns de gran prestixio, reservados ás mellores canteiras do país e con grandes clubs estranxeiros. Entre eles, o Íscarcup de Valladolid, onde o Celta comparte cartel con clubs como AC Milán, Real Madrid, Barcelona, Atlético de Madrid ou Valencia, o Torneo Real Sociedad de San Sebastián, con rivais como Barcelona, Sporting de Portugal ou Real Sociedad, ou o Cesaraugusta de Zaragoza, que conta entre os seus participantes a Real Madrid, Osasuna ou Real Sociedad.

 

Un completo calendario

Os equipos xuvenís do Real Club Celta participarán no XXX Torneo Internacional Real Sociedad 2014, que se desenvolverá nas instalacións de Zubieta entre os días 19 e 21 de abril, e no Torneo Nacional Interclubes, que terá lugar en Torrevieja entre os días 1 e 4 de maio.

 

O Real Club Celta Cadete A viaxará Zaragoza para participar, entre os días 18 e 20 de abril, no XXVIII Torneo Cesaraugusta Cadete e o Infantil A tomará parte en dous trofeos, o IX Torneo Internacional Oviedo Cup 2014, entre os días 17 e 20 de abril, e o Real Sitio Cup, que terá lugar en La Granja de San Idelfonso, en Segovia, entre os días 2 e 4 de maio.

 

Pola súa banda, o infantil B compartirá viaxe co Xuvenil a San Sebastián para participar no Trofeo Internacional Real Sociedad e o Alevín A e o B co Infantil para disputar a Oviedo Cup.

 

O Alevín A tamén foi convidado a outros dous trofeos, o 4º Torneo Concello de Baiona, o 17 de abril, e o Campionato Alevín de Fútbol 7 da localidade madrileña de San Agustín de Guadalix, entre o 2 e o 4 de maio.

 

O Real Club Celta Benjamín A participará tamén no Real Sitio Cup e no IV Memorial Pedro Sánchez Merlo-Íscarcup de Fútbol 7, en Valladolid os días 17 e 18 de abril.

 

Por último, o Benjamín B será protagonista no 4º Torneo Concello de Baiona e no II Torneo Vila de Caldas 2014.

 

A gran amplitude deste calendario obedece á excelente imaxe que ofrece a canteira do Real Club Celta, unha inesgotable fábrica de xogadores internacionais nas distintas categorías inferiores da Selección Española e cunha gran presenza no primeiro equipo. Este éxito do proxecto de canteira do club e da Fundación Celta de Vigo, que esixe numerosos sacrificios en diversas áreas, descansa tamén no entusiasmo e respaldo dunha afección que se envorcou no desenvolvemento da base celeste.

 

 calendario_torneos_web_ok.jpg

 

RC Celta

Etiquetas

Hemeroteca canteira Hemeroteca canteira Hemeroteca canteira

Noticias recomendadas