O primeiro equipo inicia a pretempada este luns na Madroa

Xa está todo preparado para a volta ao traballo do primeiro equipo do RC Celta. Os xogadores celestes están convocados ás 09:00 nas instalacións deportivas da Madroa, onde serán recibidos polo presidente Carlos Mouriño. Tras o encontro co mandatario celeste, o equipo comezará a exercitarse nunha sesión que será a porta aberta, unha vez finalice a charla técnica inicial.

O técnico arxentino Antonio Mohamed, presentado oficialmente este sábado, estrearase como adestrador celeste xunto ao seu corpo técnico, que coñeciamos onte: Gustavo Lema e Julián Tartaglia (auxiliares técnicos), Carlos Massa e Claudio Kenny (preparadores físicos) e Julio Hezze (coordinador do corpo técnico). A eles súmase un profesional da casa, Nando Villa, quen xa exerceu de adestrador de porteiros do primeiro equipo a pasada tempada.

Este luns tamén será o inicio das habituais probas médicas ao persoal, que esta tempada se realizarán na Clínica RC Celta que o club inaugurou recentemente en A Sede. Juan Hernández, Kevin, Eckert, Pastrana, David Costas, Iván Villar, Brais Méndez e Borja Fernández serán os primeiros futbolistas en acudir á sede social do club para realizar un recoñecemento médico que completará todo o equipo entre o luns e o mércores.