O RC Celta abónase ás remontadas en ABANCA Balaídos (3-1)

O RC Celta impúxose este domingo (3-1) á Real Sociedade nun partido en que chegou ao descanso por detrás no marcador. Dous goles de Iago Aspas e outro de Maxi Gómez na segunda metade deron aire ao conxunto celeste, que logra saír dos postos de descenso.

A primeira parte estivo marcada pola igualdade entre ambos equipos. Os visitantes entraron mellor no partido pero aos poucos os celestes igualaron as forzas. No intercambio de ocasións o equipo vasco viuse beneficiado por un discutido penalti que transformou Willian José á media hora.

Nada máis comezar a segunda parte Iago Aspas empatou o partido ao transformar un claro penalti sobre el mesmo. Pouco despois, Willian José viu o cartón vermello tras unha agresión a Okay Yokuslu. A vinte minutos do final, unha sensacional xogada entre Boudebouz e Hugo Mallo foi finalizada á rede de novo por Iago Aspas, que puxo en vantaxe ao RC Celta. No tramo final Maxi Gómez puxo o 3-1 definitivo.

FICHA TÉCNICA

3 – RC Celta: Rubén, Hugo Mallo, Araújo, Cabral, Olaza, Okay Yokuslu, Lobotka, Jozabed (Boudebouz, min 63), Boufal (Hjulsager, min 80), Iago Aspas (Beltrán, min 92) e Maxi Gómez.

1 – Real Sociedad: Rulli, Zaldua, Aritz, Navas, Theo Hernández, Zubeldia, Pardo (Sangalli, min 54), Mikel Merino (Bautista, min 81), Oyarzabal, Sandro (Juanmi, min 60) e Willian José

Goles: 0-1 Willian José, min. 30; 1-1 Aspas, min 50; 2-1 Aspas, min 69; 3-1 Maxi Gómez, min 91

Árbitro: Melero López, do comité andaluz. Amoestou a Okay, Aspas (RC Celta) e a Rulli, Willian José (cartón vermello) (Real Sociedad).

Campo: ABANCA Balaídos (20.519 espectadores)