O RC Celta ‘alimenta’ a maxia de ‘A Nosa Reconquista’: choripanes e cervexa gratis

A previa do partido deste sábado ante o FC Barcelona, vital para as aspiracións do RC Celta, mellora o seu escenario e condicións e amplía o seu horario. Todos os afeccionados celestes que queiran gozar do ambiente máxico desta nova batalla de ‘A Nosa Reconquista’ poderán acceder desde as 16.30 horas e ata as 18.45 horas ao interior da Bancada Siareiros, con vistas ao terreo de xogo, a través da porta 16 de Río Baixo. Para acceder á bancada non será necesario carné nin entrada para o encontro.

Nese amplo espazo haberá un DJ, que dará gran protagonismo á música que de maneira habitual soa no estadio e os afeccionados celestes poderán ademais gozar de maneira gratuíta de ‘choripanes’ e cervexa (até final de existencias).

Trátase dun encontro crucial para o RC Celta, que necesita a vitoria para alcanzar o seu obxectivo da permanencia. O apoio ao equipo será un factor determinante, algo do que é plenamente consciente a afección celeste, recoñecida como a mellor da liga esta tempada polo seu comportamento, fidelidade e apoio. Tras estas iniciativas do club na Bancada Siareiros, de acceso a todos os afeccionados terá lugar un gran recibimento ao equipo organizado polas penas a partir das 18.45 horas.

Aínda quedan entradas á venda para este decisivo partido, tanto nos despachos de billetes do estadio como online en tickets.rccelta.es