O RC Celta, anfitrión da Copa de Campións de División de Honra Xuvenil

O RC Celta será por segunda vez na súa historia anfitrión da Copa de Campións de xuvenís, competición que durante unha semana, entre os días 5 e 11 de maio, concentra a atención do fútbol español coa exhibición dos mellores talentos da categoría.

O club, que presentou a súa candidatura de xeito conxunto coa Federación Galega de Fútbol, xa albergou esta apaixonante competición no ano 2013, unha edición na que os célticos alcanzaron a final.

Neste edición participarán, ademais do RC Celta, Numancia, Zaragoza, Sevilla, Atlético de Madrid, Real Madrid, como mellor segundo, Tenerife e Villarreal. Os partidos de cuartos de final xogaranse o día 6 de maio, mentres que o día 8 disputaranse as semifinais e o 11 a gran final. Os encontros terán lugar nas instalacións deportivas da Madroa e o Estadio de ABANCA Balaídos.

O RC Celta Xuvenil converteuse esta tempada no equipo que máis puntos sumou na historia do Grupo I do Campionato de Liga desta categoría. Os celestes acabaron a competición en primeira posición con 80 puntos, un máis que os sumados polo equipo celeste na campaña 2012/2013.

O RC Celta quere agradecer á Federación Galega de Fútbol o seu esforzo na coorganización de a Copa de Campións de División de Honra Xuvenil e a a Real Federación Española de Fútbol a súa aposta por que o torneo se celebre nas instalacións do conxunto celeste.