Fundación

O RC Celta e a súa Fundación doan ao Sergas un importante lote de material sanitario e poñen A Sede á súa disposición

RC Celta

O RC Celta e a súa Fundación traballan desde o inicio da crise sanitaria que afecta ao país na posta en marcha de iniciativas encamiñadas a axudar ás institucións e colectivos con maior protagonismo na loita contra o COVID-19 e aos grupos de poboación máis desfavorecidos. Como primeira das accións en desenvolvemento, o club, a través da súa Fundación, puxo a disposición do Servizo Galego de Saúde diverso material sanitario co fin de contribuír á mellora da seguridade dos traballadores deste sector, cuxa encomiable labor merece todo o apoio e o recoñecemento posibles.

O RC Celta e a Fundación fixeron entrega esta mesma mañá de 200.000 luvas, 50.000 máscaras e 700 botes de medio litro de xel desinfectante ao Hospital Álvaro Cunqueiro, onde foron recibidos polo xerente do centro Julio García. Foron xestións laboriosas, pero cun resultado altamente gratificante, xa que calquera axuda é pouca para o colectivo de traballadores sanitarios que cada día se esforzan ao máximo na loita contra esta enfermidade. Esta colaboración coa Xunta de Galicia terá continuidade a próxima semana, na que o club doará ao Sergas outro 100.000 mil máscaras.

A Sede, a disposición do Sergas

Ademais, o club e a Fundación puxeron a disposición do Sergas as instalacións da Sede, en concreto a residencia da canteira e a clínica RC Celta,

Desta maneira, no momento no que o consideren oportuno, os responsables sanitarios poderán dispor na Sede de 28 camas nas habitacións da residencia, que ademais dispón de zonas comúns, cociña e lavandaría.

A Clínica RC Celta ofrece diversos espazos aproveitables para consulta e mesmo para o aloxamento do persoal sanitario. O club e a Fundación colaborarán ao máximo en todo aquilo que pacientes e sanitarios poidan necesitar durante a súa estancia na Sede.

Batas solidarias nos hospitais galegos

A Fundación Celta fará extensible a súa iniciativa de ‘batas solidarias’ , ideada pola Revista Panenka, a outros hospitais galegos, Esta iniciativa naceu para que os nenos hospitalizados poidan lucir a camiseta do seu equipo favorito en lugar da aburrida bata verde para que o seu estado de ánimo poida mellorar e así sentan máis fortes. O RC Celta e a Fundación queren estar cos seus seguidores máis novos nos momentos difíciles e para iso entregarán estas batas de novo no Hospital Alvaro Cunqueiro, onde comezou esta iniciativa, ademais de outros centros da área de Santiago de Compostela e Pontevedra.

Alimentos para comedores sociais

Doutra banda, Conservas Daporta e a Fundación Celta fixeron chegar 1.500 latas de alimentos a diversos comedores sociais de Vigo que reportaron dificultades para cubrir as necesidades básicas dos seus usuarios. A Fundación quere expresar o seu agradecemento á firma galega pola súa colaboración para o desenvolvemento desta acción que contribuirá a reforzar a actividade en diversos comedores da cidade.

Tanto o RC Celta como a súa Fundación continuarán nos próximos días con outras iniciativas para colaborar na medida do posible coa sociedade nestas difíciles circunstancias. A totalidade dos departamentos de ambas entidades están absolutamente envorcados na xestión e desenvolvemento deste tipo de medidas tan necesarias nun momento no que a unión e a colaboración de toda a sociedade son vitais.

 

RC Celta

Etiquetas

Fundación Novas fundación Fundación Fundación Novas fundación Novas fundación

Noticias recomendadas