O RC Celta visibilizou a loita contra a violencia de xénero no seu último partido

“Fronte á violencia de xénero só cabe unha resposta: non”. Así reza o lema co que os xogadores do RC Celta pousaron o pasado domingo nos prolegómenos do partido de LaLiga ante o Getafe. O club vigués, no seu compromiso cos valores e a sociedade, asinou un convenio coa Xunta de Galicia para apoiar a difusión de campañas contra a violencia de xénero.

No marco desta colaboración, o RC Celta realizou varios vídeos con xogadores, técnicos e afeccionados apoiando a mensaxe da campaña. Estes divulgáronse a través das redes sociais e tamén dos videomarcadores e megafonía de Abanca Balaídos durante o encontro ante o Getafe.