Óscar García, novo adestrador do RC Celta

Óscar García Junyent convértese no novo adestrador do RC Celta tras o acordo alcanzado entre o club e o preparador español. Óscar (Sabadell, 1973) chega acompañado por tres axudantes e está previsto que este martes dirixa a súa primeira sesión preparatoria ao fronte do equipo.

O novo técnico celeste acumula unha ampla bagaxe nos bancos. A súa primeira experiencia foi no Xuvenil A do FC Barcelona, co que conquistou Liga, Copa e Liga de Campións en 2011. Na campaña 2012/13 levou ao Maccabi Tel Aviv a gañar a liga israelí tras máis de 10 anos de seca.

Tras o seu paso polo Brighton e o Watford, Óscar García colleu as rendas do Red Bull Salzsburgo, club co que logrou gañar dous Bundesligas e dúas Copas de Austria en apenas ano e medio. Os seus últimos dous equipos foron o Saint Etienne francés e o Olympiakos grego.

O técnico catalán, que foi internacional en todas as categorías inferiores da Selección Española, tivo unha dilatada carreira como futbolista en equipos da talla do FC Barcelona, Valencia CF ou RCD Espanyol entre outros. No seu palmarés figuran catro Ligas, dúas Copas de SM o Rei, dous Supercopas de España, unha Recopa de Europa e unha Supercopa de Europa.

O adestrador celeste firma até final de tempada.