Posta de longo do primeiro ‘gamer’ celeste na presentación de eLaLiga Santander

O Palacio de Neptuno de Madrid vestiuse de gala para dar a benvida aos 34 clubs que participarán durante esta tempada en eLaLiga Santander, a competición oficial de EA SPORTS TM FIFA 20 en España. Non quixeron perderse esta gran cita Javier Tebas, presidente de LaLiga, Nicholas Wlodyka, VP e director xeral de EA Sports FIFA, Felipe Martín, director de Patrocinios, Eventos e RRSS de Santander España e Cristina Burzako, directora de Mercadotecnia, Comunicación e Creatividade de Movistar Plus, ademais de representantes das marcas patrocinadoras e colaboradoras da competición.

Presidentes, conselleiros delegados ou directores, entre outros, de cada un dos 34 clubs de LaLiga Santander e LaLiga SmartBank que participan esta tempada na competición de esports de LaLiga, acudiron para arroupar aos seus respectivos xogadores na súa presentación en sociedade e acompañáronos no momento de entrega das camisetas oficiais de cada un dos clubs.

Javier Tebas, presidente de LaLiga, afirmou: A implicación dos clubs neste proxecto, que arrincou fai tan só tres tempadas, foi vital para o desenvolvemento e o crecemento deste proxecto. Con esta competición LaLiga pretende conseguir achegar os valores positivos do fútbol comprometéndose coa innovación tecnolóxica e penetrándose nun mundo dixital . Ademais, non quixo pór en valor a participación das marcas que patrocinan e colaboran para que a competición oficial de esports de LaLiga creza tempada tras tempada”.

O RC Celta participa por primeira vez nesta competición cun ‘gamer’ oficial, o vigués e celtista Pablo Zamorano, que durante os próximos meses loitará en representación do club celeste para alcanzar un do dezaseis postos da Gran Final. O mozo xogador estivo acompañado na súa posta de longo pola directora de mercadotecnia do RC Celta, Maruxa Magdalena.