Presentada a primeira edición dos Campus de Verán da Fundación Celta by Cabreiroá en Vedra

O campo do San Mamed acollerá un Campus da Fundación Celta do 2 ao 6 de xullo

 

  • Diríxese a nenos e nenas entre 4 e 16 anos de idade
  • Premiarase aos participantes máis destacados cun adestramento na Madroa

 

O campo de fútbol do San Mamed, en Vedra, acollerá do 2 ao 6 de xullo un dos Campus de Verán da Fundación Celta. Esta actividade, que conta co apoio da Escola Deportiva Santiago, foi presentada hoxe nun acto que tivo lugar na Casa do Concello da localidade coa presenza do alcalde, Carlos Martínez; o director da Fundación Celta, Germán Arteta; o coordinador do Campus, Alex Abalde; e o presidente do CD San Mamed, Manuel Mallo.

 

A metodoloxía deste Campus será a mesma que empregan nas categorías inferiores do RC Celta. De feito, os monitores serán adestradores das categorías inferiores do club. “Pero para nós non só é importante a parte técnica, senón tamén a parte máis social e dos valores que tratamos de transmitir como o traballo en equipo, o esforzo, a superación, a solidaridade, a disciplina…”, explicou Germán Arteta. “O principal é que se formen como persoas porque no futuro moi poucos chegarán a ser futbolistas profesionais pero si que todos van ter que defenderse na vida, socializar e convivir con outras persoas”, subliñou.

 

Pola súa banda, o alcalde de Vedra explicou que é “un orgullo” acoller esta actividade na localidade. “Hai que felicitar ao San Mamed e á Fundación Celta porque se poida desenvolver este Campus por primeira vez en Vedra, con todo o que iso implica. Coma sempre, apostamos pola formación e a educación, e o Celta nese aspecto á un referente”, sinalou.

 

Manuel Mallo, presidente do CD San Mamed, destacou que en Vedra “temos bastantes rapaces que lles apetece moito facer isto. Pensamos que é unha boa labor deportiva para eles e, se ben respaldado polo Celta, moito mellor. Os nosos nenos están moi ilusionados porque estamos falando dun equipo referente a nivel nacional e europeo”.

 

 

CARACTERÍSTICAS E INSCRICIÓNS

O campus diríxese a nenos e nenas de entre 4 e 16 anos de idade. Desenvolverase de 10:00 a 14:00 horas. Ademais, o venres pola tarde os rapaces quedarán a comer no campo e, pola tarde, farase entrega dos diplomas nunha actividade na que poderán participar tamén os pais e nais.

 

Todos os participantes tomarán unha merenda a media mañá proporcionada pola Fundación e recibirán á súa chegada unha equipación completa composta por camiseta, pantalón e calcetíns. Para os inscritos antes do 31 de maio haberá un agasallo consistente nunha segunda camiseta.

 

Ao remate do Campus, todos os participantes recibirán o seu diploma acreditativo. Ademais, premiarase aos máis destacados cun adestramento na Madroa xunto cos nenos das escolas do Celta.

 

Os prezos da matrícula son de 130 euros para o público en xeral e 115 euros para abonados e membros da Fundación, así como os veciños de Vedra e xogadores do CD San Mamed.

 

As inscricións xa poden realizarse a través da páxina web fundación.rccelta.es, no teléfono 986213676 ou no correo electrónico info@fundacióncelta.com Tamén a través do correo electrónico do Concello de Vedra cultura@concellodevedra.com e o CD San Mamed cdsanmamed@gmail.com

 

 

Leave a Reply

12 + 18 =