Presente e futuro, ilusión e orgullo: canteira

Nada é casualidade. As imaxes que lle regala ao celtismo a concentración do RC Celta na Toxa moven ao orgullo, a ilusión e a esperanza. Representan o presente e o futuro do club, compendian o traballo de moitos anos, recollen o esforzo de xogadores, dirixentes e afeccionados. Dezaseis canteiráns traballan xuntos cada día no campo de Baltar, comparten vivencias, consellos, soños…

Hugo Mallo, Sergio Álvarez, Iago Aspas, Rubén Branco, David Costas, Santi Mina, Denis Suárez, Iván Villar, Brais Méndez, Kevin Vázquez, Diego Pampín, Sergio Carreira, José Fontán, Iker Losada, Miguel Fernández e Lautaro. Son o presente e o futuro do club. Todos eles conviven nunha pretemporada marcada pola satisfacción e a ilusión e, sobre todo, por unha palabra que no RC Celta sempre tivo un sentido pleno e agora unha dimensión maiúscula: canteira.

Isto vai de corazón

Os regresos de Denis Suárez e Santi Mina enchen de contido a lema da campaña de abonados do club: “Isto vai de corazón”. Dez canteiráns bombearán sangue celeste nun vestiario cheo de mocidade, calidade e ilusión para afrontar unha tempada esperanzadora.

As vantaxes da campaña de abonados conclúen o 19 do presente mes, día no que se liberarán os asentos daqueles socios que non tramitasen a súa renovación.  O club anima aos abonados a que renoven antes desa data para gozar desta vantaxe e  conservar o seu asento e desta maneira formar parte dun ilusionante proxecto creado ao redor da canteira celeste. Poden tramitar o seu abono na rede de caixeiros de Abanca en toda Galicia e tamén completar todas as xestións, incluída o financiamento, online en istovaidecorazon.com.