Celtismo

RC Celta e Fundación enchen de ‘afouteza’ as habitacións do Hospital Cunqueiro

RC Celta

O RC Celta e a súa Fundación queren arroupar aos seguidores celestes máis novos que están a xogar o partido das súas vidas. A partir deste domingo, tras cada encontro que se dispute no estadio ABANCA Balaídos, mostraráselles ás directivas visitantes o agasallo que se lles dará a estes pequenos no seu nome, sumándoos directamente a esta preciosa iniciativa. Cubregoteiros personalizados coas cores e o escudo do club para os nenos ingresados na área de Pediatría do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, entregando ao hospital catro deles en nome de cada equipo que acuda ao noso estadio como visitante. Cada un destes cubregoteiros levará escrita a palabra ‘Afouteza’.

O club quixo sumar ao movemento Chemobox, unha comunidade de deseñadores que empregan impresoras 3D para crear estes cubregoteiros e que se orixinou como resposta aos pais de Iván, un neno soriano que combate a leucemia e para o que solicitaron axuda en redes sociais para fabricarlle un cubregoteiros do seu superheroe favorito. O deseño base empregado na fabricación das ‘chemobox’ celestes foi creado por Celso Frade, un dos membros máis destacados deste movemento solidario.

A acción do RC Celta e a súa Fundación nace co obxectivo de debuxar un sorriso e mellorar o estado de ánimo dos nenos que se atopan hospitalizados, observando as cores do seu equipo favorito en lugar do habitual gotero. O lema “Afouteza dos Campións” estará moi presente neste agasallo, un termo que reflicte á perfección a valentía, o valor, a ousadía e a coraxe que teñen todos estes pequenos. Ademais, cada dous partidos que o RC Celta dispute como local, dous xogadores do primeiro equipo acudirán ao hospital para repartir persoalmente os cubregoteiros acumulados.

Esta entrañable iniciativa é moi especial para o RC Celta e todos os seus integrantes, que buscan estar xunto aos seus afeccionados máis novos nestes difíciles momentos para transmitirlles toda a súa enerxía. Club e Fundación fixeron entrega este ano de 25 batas creadas con camisetas do primeiro equipamento serigrafiadas co nome e o dorsal dos canteiráns do primeiro equipo nun acto moi emotivo que encheu de alegría celeste aos nenos hospitalizados.

RC Celta

Etiquetas

Celtismo Novas club O Club Novas club Novas club O Club O Club

Noticias recomendadas