RC Celta e Fundación tinguen de celeste as batas de hospital

 

A zona de Pediatría do Hospital Álvaro Cunqueiro loce de cor celeste. RC Celta e Fundación fixeron entrega de 25 batas creadas con camisetas do primeiro equipo no marco da campaña “As batas máis fortes” lanzada pola revista Panenka.

As batas entregadas polo club e a Fundación están serigrafiadas cos nomes e números dos canteiráns que militan no primeiro equipo. Ao acto de entrega acudiron o presidente do RC Celta, Carlos Mouriño; o director da Fundación, Germán Arteta; e os xogadores do primeiro equipo Iago Aspas e Denís Suarez.

Esta iniciativa naceu para que os nenos hospitalizados poidan lucir a camiseta do seu equipo favorito en lugar da aburrida bata verde para que o seu estado de ánimo poida mellorar e así estean máis fortes.

O RC Celta e a Fundación queren estar preto dos seus seguidores máis novos nos momentos difíciles e poder transmitirlles toda a súa enerxía e afouteza no que para eles é o seu partido máis importante.