Hemeroteca club

RC Celta e RC Deportivo, unidos pola doazón de sangue

RC Celta

doasanguepresentacion1-1516

 

O Centro de Transfusión de Sangue de Galicia, situado en Santiago de Compostela, acolleu esta tarde a presentación da campaña Imposible Sen Ti – Doa Sangue, unha importante iniciativa para a que RC Celta e RC Deportivo uniron as súas forzas coa Consellería de Saúde da Xunta de Galicia e o CTG para maximizar a súa difusión.

 

Ao acto, no que se presentaron os detalles da campaña e un vídeo promocional no que participan o céltico Iago Aspas e o deportivista Mosquera, acudiron Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia; Jesús Vázquez Almuiña, conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia; a conselleira celeste Carmen Avendaño e o directivo coruñés Martín Pita; os xogadores Sergio e Mosquera; Marisa López, directora da Axencia Galega de Sangue-Órganos-Tecidos e representantes das Irmandades de Doantes de Vigo e A Coruña.

 

O presidente da Xunta lembrou que Galicia necesita 500 doazóns de sangue ao día e que “é imposible salvar as vidas dos galegos sen estas doazóns”. Pola súa banda a conselleira Carmen Avendaño puxo en valor “a todas as persoas que traballan polo benestar dos demais” e o porteiro Sergio Álvarez animou a todos a participar nesta campaña: “Como doante habitual creo que é moi importante axudar porque podes estar a salvar a vida de moitas persoas”.

 

Durante os próximos días varias unidades móbiles situaranse en distintos puntos de Vigo e A Coruña para atender a todas aquelas persoas que desexen realizar unha doazón de sangue. A todos eles entregaráselles de agasallo unha camiseta conmemorativa de ‘O Noso Derbi’. Toda a información sobre a campaña estará dispoñible na web oficial do club e nas redes sociais.

RC Celta

Etiquetas

Hemeroteca club

Noticias recomendadas