RC Celta e UD Alhama comparten afouteza

RC Celta e UD Alhama cruzáronse por fin esta tarde no Estadio Abanca Balaídos, onde o conxunto aragonés recolleu os 130 asentos que necesitan para a mellora do seu campo. O vicepresidente celeste, Pedro Posada, recibiu no coliseo celeste á expedición do club zaragozano, encabezada polo seu presidente, Javier Arcos, a quen lle fixo entrega dunha camiseta do primeiro equipamento serigrafiada con ‘Alhama Celeste’, ademais de numerosas bufandas célticas. O conxunto aragonés correspondeu coa entrega da camiseta da próxima tempada, a do seu 50 aniversario, que leva na parte dianteira unha palabra moi especial para o celtismo: afouteza.

Os asentos, propiedade do club, proceden da Bancada de Rio Baixo, como outros centos que xa foron entregados a numerosos clubs modestos do fútbol galego de maneira directa ou a través da Federación Galega de Fútbol.