RC Celta – Lille, “un partido de Champions” este sábado en A Lomba

RC Celta e Lille xogarán este sábado 27 de xullo ás 20.30 horas un encontro de primeiro nivel europeo no estadio da Lomba (Vilagarcía de Arousa). Ambos conxuntos, coas cámaras de Celta Media en directo, medirán as súas forzas nun partido que moitos califican “de Champions League”.

O vicepresidente do RC Celta, Pedro Posada; o presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán; o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela; o presidente do Arousa SC, Manuel Abalo, o exjugador do RC Celta, Milorad Ratkovic, entre outras autoridades, presentaron este venres sobre o céspede da Lomba o encontro.

“Quero animar aos todos afeccionados a que presencien o partido e que A Lomba recupere o esplendor de outrora. Ademais, gustaríame agradecer ao RC Celta que aposte por Galicia e os clubs galegos”, apuntou Louzán. Pola súa banda, Pedro Posada asegurou que é un encontro “para gozalo e vivilo na Lomba”.

As entradas están á venda a un prezo de 20 euros nas propias oficinas do Arousa, Ofimática Arousa e Café Bar Insuíña na Baldosa.