Remontada do Celta B ante o Racing (3-1)

celtab - ferrol

Os ferroláns xogaron cun home menos desde o minuto 23 pola expulsión de Comesaña

 

O Celta B afrontou con decisión e afán os primeiros minutos do partido ante o Racing. Nada máis comezar o encontro, o porteiro Marcos Valín tivo que despexar de puños un centro-chute de Camochu. Pouco despois Añón e Félix asociáronse cunha bonita parede que deixou ao primeiro practicamente só ante o porteiro ferrolán. O disparo do dianteiro celeste despexouno Valín noutra boa parada.

 

Os celestes abordaban máis a área que o seu rival, pero serían eles os primeiros en golpear. No minuto 12, unha falta na frontal da área executada por Pablo Rei coouse por toda a escuadra dereita da portaría defendida por Rubén Branco. O Racing de Ferrol púñase por diante a balón parado. Co gol os departamentais se enchufaron ao partido e comezaron a gañar peso sobre o terreo de xogo, pero no minuto 23 unha acción perigosa de Comesaña desequilibraría o partido. Na pelexa por un balón aéreo, o xogador do Racing elevou exageradamente a súa perna impactando na cara de Rubén Martínez. O colexiado non llo pensou e mostroulle o cartón vermello directo.

 

Cun home menos o Racing apostou por manterse ben situado e buscar a sorpresa á contra. Os celestes gañaron presenza e de novo comezaron a levar perigo á área ferrolá. No minuto 28 Félix cabeceaba o balón moi preto da portaría defendida por Valín e, a poucos minutos para o descanso, Camochu enviou o balón demasiado alto nunha boa ocasión para empatar o resultado.

 

Tras a continuación o filial céltico tomou o dominio do encontro. Os vigueses axexaban constantemente a área do Racing, incidindo moito no xogo desde ambas as bandas. De novo Félix puido empatar de cabeza, pero a zaga rival desviou a traxectoria do remate. Os departamentais, a pesar de resentirse ao ter un home menos, non quedaban de brazos cruzados. Un bo pase en profundidade que deixou só a Pablo Rei ante Rubén a punto estivo de supor o 0-2. O dianteiro ferrolán precipitouse e o seu disparo foi despexado con acerto polo novo porteiro céltico.

 

Despois de moito insistir, o Celta B por fin abriu a lata dos goles no minuto 65. Félix brindou unha preciosa asistencia de tacón que deixou a David Añón totalmente só ante Marcos Valín. O dianteiro céltico non fallou no un contra un e anotou o 1-1 cun disparo por abaixo.

 

Case sen tempo para reaccionar, o Racing Ferrol vía como o Celta B sobrepúñase ao seu tanto inicial e daba a volta ao marcador. No 70 un centro medido de Añón desde banda dereita rematouno de cabeza Rubén Martínez, ao pau longo. Era o 2-1, que puña merecidamente por diante ao equipo adestrado por Pichi Lucas. O partido mantivo a intensidade até o asubío final e os célticos puideron anotar o terceiro tanto en numerosas ocasións: disparo alto de Maceira, lanzamento ao pao de Madinda, un contra un de Rubén Martínez… A vitoria redondearíase cun gol de Camochu a saque de falta. O dianteiro asturiano executou un potente disparo desde a frontal da área que, tras impactar na zaga ferrolá, entrou na portaría. Foi o definitivo 3-1.

 

FICHA TÉCNICA

3-Celta B: Rubén, Jonny, Víctor Vázquez, Maestre (Borja, min.45), Maceira, Antón, Madinda, Añón (Marcos Torres, min.83), Félix (Sergio Santos, min.90), Rubén Martínez e Camochu

 

1-Racing Ferrol: Valín, Comesaña, Pumar, Antonio (Héber, min.76), Sergio, Iván Forte, Dani Rodríguez, Marcos Álvarez (Iago Iglesias, min.83), Jorge Rodríguez (Pérez, min.28), Manu Barreiro e Pablo Rey

 

Goles: Pablo Rey, 0-1 (min.13); Añón, 1-1 (min.65); Rubén Martínez, 2-1 (min.70); Camochu, 3-1 (min.90)

 

Árbitro: Díaz Álvarez. Expulsou con vermello directo a Comesaña (min.23). Amonestou a Antonio, Antón, Maceira, Sergio, Víctor Vázquez

 

Campo: Municipal de Barreiro

Leave a Reply

5 × 3 =