Hemeroteca canteira

Reparto de puntos no Celta B-Alondras (2-2)

RC Celta

celta_b_-_alondras.jpg

O filial perdeu a vantaxe no marcador en dúas ocasións. Camochu anotou por partida dobre.

 

O Celta B medíase a un rival de media táboa, o Alondras CF, sempre entregado e batallador. As xogadas de transcendencia tardaron en chegar, sendo os de Cangas os primeiros en achegarse á portaría rival. Un disparo de Abraham no minuto 11, ben situado fronte á área céltica, atrapouno sen dificultade Óscar de Santiago, gardameta titular no partido de hoxe.

 

Os célticos, titubeantes, mantiñan a posesión e incidían no ataque tanto por banda esquerda como dereita. No minuto 16 chegou o primeiro aviso dos locais. Centro de Rubén Martínez ao segundo pau que Añón ‘cazou’ de primeiras. O remate, forzado, marchouse por encima da portaría.

 

Os vigueses consolidábanse co paso dos minutos, insistindo no xogo polos flancos. Así chegaría o primeiro tanto da tarde. Boa internada de Kevin por banda dereita, que centrou á área pequena para que Camochu puidese anotar con tan só empuxar o balón.

 

A vantaxe dos celestes no marcador non se mantería por moito tempo. Un erro de Óscar de Santiago na saída aproveitouno Abraham para roubar a pelota e, tras recortar ao último defensor céltico, marcar o 1-1 a porta baleira.

 

Os de Pichi Lucas non viñeron abaixo e multiplicaron os seus esforzos no ataque. Tras un par de disparos defectuosos a porta, o Celta B logrou adiantarse de novo grazas a un centro lateral. No 32 Maceira, desde banda esquerda, serviu o balón a Camochu, que rematou de primeiras no segundo pau. Bo gol do asturiano, que devolvía a vantaxe no marcador aos olívicos.

 

O partido chegaría ao tempo morto tras unha ocasión de Félix, frustrada por Nando cunha gran estirada, e unha boa oportunidade para empatar do Alondras, que a punto estivo de aproveitar unha pequena confusión na zaga celeste.

 

O segundo tempo ofreceu máis do mesmo. O Alondras mantíñase ben situado e afogaba ao Celta B no centro do campo, que se vía incapaz de conectar cos xogadores de ataque.

 

No minuto 55 Óscar de Santiago luciuse ao desviar coa punta dos dedos un certeiro remate de cabeza de Calo. O Alondras aparecía puntualmente na área viguesa, esperando pacientemente a oportunidade para empatar, sen necesidade de arriscar.

 

Os de Cangas anotaron o 2-2 no minuto 68. José Anxo reamtou de cabeza unha falta botada ao área céltica. Os olívicos, impotentes, perdían de novo a vantaxe no marcador. O partido non ofreceu moito máis e finalizou cunha repartición de puntos que non deixa satisfeito ao filial céltico.

 

FICHA TÉCNICA

Celta B: Óscar, Kevin, Víctor Vázquez, Antón, Maceira, Madinda, Añón (Borja, min.49), Félix (Benja, min.68), Rubén Martínez, Camochu e Santi Mina

 

Alondras: Nando, Segura, Casti, Toni, Pablo Martínez (Dieguito, min.75), Fernando (Chichi, min.88), Carlos Campo, Eiro, José Ángel, Calo (Outeiral, min.85) e Abraham

 

Goles: 1-0, Camochu (min.21); 1-1, Abraham (min.26); 2-1, Camochu (min.32); 2-2, José Ángel (min.68)

 

Árbitro: Brea Peón. Amonestou a Fernando, Maceira, Toni, Eiro, Kevin

 

Campo: Barreiro

RC Celta

Etiquetas

Hemeroteca canteira Hemeroteca canteira Hemeroteca canteira

Noticias recomendadas