Primeiro Equipo

Samuel, operado de maneira satisfactoria

RC Celta

samuel 01

A ecografía realizada a Borja Oubiña desvela que non sofre rotura fibrilar e estará dispoñible en breve

 

Enlace a CeltaTV: declaracións exclusivas do Dr. Cota tras a intervención

 

O central do Real Club Celta Samuel Llorca foi operado esta tarde de maneira satisfactoria no Hospital Nuestra Señora de Fátima polo xefe dos servizos médicos do club, Juan José García Cota, da rotura do ligamento cruzado anterior do xeonllo esquerdo que sufriu no partido de Copa do Rei ante o Almería. Por outra banda, Borja Oubiña foi sometido a unha ecografía que desvela que non sofre rotura fibrilar.

 

O doutor García Cota apuntou que “a operación resultou ben. Atopámonos o que esperabamos, non había lesións nos meniscos e non houbo incidencia”.

 

Explicou que “é unha lesión que non cicatriza e o que fixemos é substituír o ligamento por uns tendóns sacados da mesma xeonllo para que na evolución destes meses eses tendóns consigan ter a función e as características mecánicas do ligamento cruzado”.

 

O xefe dos servizos médicos celestes indicou que Samuel “permanecerá uns días ingresado e no segundo día comezaremos a facer rehabilitación en canto a mobilidade do xeonllo sen apoiar a perna durante as dúas primeiras semanas. A partir de aí seguiremos aumentando as cargas de traballo en canto a mobilidade e recuperación de ton muscular”.

 

Tras sinalar que “en dous meses e medio ou tres meses estará a correr”, Garcia Cota comentou que “durante a intervención permaneceu esperto, viu a operación, explicámoslle o que faciamos e estivo my tranquilo”.

 

O doutor Cota tamén explicou a situación do centrocampista Borja Oubiña, quen se retirou antonte do adestramento cunha molestia no adductor esquerdo e que por esta razón descansou na xornada de onte: “Hoxe probou a adestrar, pero seguía sentindo unha molestia. Realizóuselle unha ecografía, a cal nos confirmou que non hai roturas e que tan só ten un pouco inflamado un dos músculos adductores esquerdos”.

 

A pesar da pouca gravidade deste contratempo, o capitán céltico non viaxou a Madrid co primeiro equipo: “Aínda que sexa unha lesión leve impídelle estar dispoñible para o partido de mañá”. O doutor Cota asegurou que o xogador vigués estará a pleno rendemento de forma case inmediata, xa que “ao non haber lesións estruturais no músculo, é de esperar que só tarde un par de días en recuperarse”.

RC Celta

Etiquetas

Primeiro Equipo Hemeroteca primer equipo gl Hemeroteca primer equipo gl Hemeroteca primer equipo gl Primeiro Equipo Primeiro Equipo

Noticias recomendadas