Santi Mina entrégase na súa presentación ante 2.500 celtistas

“Funme sendo un neno e volvo como un futbolista feito”. Catro anos despois da súa fichaxe pola Valencia CF, o canteirán celeste Santi Mina regresa ao RC Celta baixo un ambiente de absoluta ilusión polo proxecto de canteira que se está confeccionando. O atacante galego foi presentado este venres en Abanca Balaídos, en compañía do conselleiro Fernando Rodilla e o director deportivo Felipe Miñambres, ante os medios de comunicación e 2.500 afeccionados que recibiron ao xogador ao grande.

“Tiña claro que quería formar parte deste proxecto, na miña casa”, asegurou Mina ante a prensa. O dianteiro mostrouse moi feliz por retornar ao que é o seu fogar e así o demostrou posteriormente sobre o céspede do estadio, onde se entregou ante os celtistas presentes: “Ides ser moi importantes. Temos que estar unidos”, declarou o céltico ante unha bancada de Tribuna abarrotado. Mina fixo as delicias dos asistentes respondendo a varias preguntas da afección recollidas en redes sociais e entregando balóns asinados. O acto culminou coa firma de autógrafos na tenda oficial do estadio.