Santi Mina sofre unha escordadura de grao II e Juncà subluxación no ombreiro

O dianteiro Santi Mina e o lateral zurdo David Juncà sufriron senllas lesións, o canteirán no nocello e o defensor no ombreiro, no partido disputado onte en Melgaço ante o CD Tenerife.

Santi Mina padece unha escordadura lateral de grao II no seu nocello dereito e a radiografía realizada onte á noite descarta a existencia de fracturas. O ariete será sometido a unha resonancia magnética unha vez diminúan os signos de inflamación aguda do seu nocello e tras esta proba determinarase o tempo estimado de recuperación.

Pola súa banda, a David Juncà realizóuselle esta mesma mañá unha resonancia que confirma que o lateral sufriu unha subluxación no ombreiro dereito con lesión ligamentosa e contusión ósea. Inicialmente inmobilizouselle o ombreiro e posteriormente iniciará o proceso de rehabilitación sen precisar, en principio, tratamento cirúrxico. O tempo de baixa estará ao redor das 3-4 semanas.

A boa noticia da xornada é que o dianteiro Iago Aspas adestrouse con normalidade e recibiu a alta médica.