A defensa celeste aproba ante o SC Braga (0-0)

O RC Celta regresou de Braga cun empate sen goles no seu segundo partido de preparación. O partido transcorreu cun ritmo lento e cos dous equipos máis preocupados da parcela defensiva que de atopar o gol, especialmente o RC Celta, que decidiu aproveitar o envite ante un rival de categoría para poñer a proba os conceptos defensivos traballados durante as últimas semanas.

Os locais gozaron dun par de tímidas ocasións nun primeiro tempo que estivo marcado pola lesión do celeste Okay Yokuslu.

Na segunda parte o encontro gañou algo de atractivo, pero tamén de dureza. O conxunto portugués protagonizou varias entradas fortes que fixeron levantar ao banco vigués. O amigable finalizou co RC Celta, por fin, envorcado na área rival. O marcador non se moveu e os de Antonio Mohamed regresaron a Vigo cun empate antes de afrontar outros dous compromisos en terras inglesas, a próxima semana ante Southampton e Fulham.

FICHA TÉCNICA

0-SC Braga: Matheus, Figueiras, Sequeira, Wilson, Xadas, Paulinho, Horta, Claudemir, Raúl Silva, Vukcevic, Lucas. Tamén xogaron: Ryller, Fábio, Esgaio, Luther.

0-RC Celta: Sergio, Hugo Mallo, Araujo, Costas, Roncaglia, Juncà, Lobotka, Okay, Emre Mor, Brais Méndez, Beauvue. Tamén xogaron: Apeh, Iván Villar, Mazán, Jozabed, Dennis, Cabral, Juan Hernández, Kevin, Hjulsager, Borja Fernández

Goles: sen goles.

Árbitro: Pedreo Ferreira. Amoestou a Figueiras, do SC Braga.

Campo: Municipal de Braga.

Observacións: Okay Yokuslu tivo que retirarse no primeiro tempo tras sufrir unha escordadura de grao II do ligamento lateral externo do nocello dereito. O tempo de baixa estimarase tras realizar probas médicas.