Sergey, o celtista ruso: «Ser un celtista en Rusia é ser un tolo»

Sergey Klepalov non é un afeccionado calquera. Os máis de 6.000 quilómetros de distancia que separan Vigo de Ekaterimburgo, en Rusia, non supuxeron un impedimento para este apaixonado do RC Celta que, cada vez que ten ocasión, viaxa á cidade olívica para gozar do club dos seus amores xunto aos membros da súa pena, Centolos Celestes.

«Como é ser celtista en Rusia? É ser tolo». Así se autodefine Sergey, un celtista como poucos que se namorou do equipo galego grazas aos anos dourados de Alexander Mostovoi en Vigo. «O seu oito anos aquí convértenme en tolo do Celta», insiste Sergey, consciente de que o seu amor exacerbado polo Celta pode resultar estraño a ollos dos seus compatriotas. «Os meus amigos sempre me din, por que non Barcelona, Manchester…? Só ti podes entendelo», sentencia este entrañable celtista empregando un das clásicos lemas da entidade celeste.

Celta Media tivo a oportunidade de entrevistar a Sergey durante a súa última visita a Vigo. O ruso gozou dun completo recorrido por Balaídos durante a que coincidiu con Iago Aspas e outros dos seus actuais ídolos. Unha nova historia de paixón que demostra que, para o Celta e o celtismo, non existen as fronteiras.