Sergi Gómez alcanzou ante Las Palmas os cen partidos de Liga co RC Celta

O central celeste Sergi Gómez (Arenys de Mar, 1992) xogou ante a UD Las Palmas o seu partido número cen en Primeira División coa camiseta do RC Celta. O catalán non puido celebrar de mellor maneira o seu centenario que cunha gran remontada que mantén aos vigueses na loita polos postos europeos.

Sergi chegou ao RC Celta no verán de 2014 e non deixou de progresar. Ademais da centena de encontros ligueiros, o defensa defendeu a camiseta céltica en dezaoito partidos de Copa do Rei e en cinco de Europa League.