Sisto doctórase en asistencias con Dinamarca: ao Mundial 2018!

Dinamarca arrasou ante Irlanda na volta da repesca ao Mundial 2018. Os daneses asinaron un contundente 1-5 no que o celeste Pione Sisto tivo un gran protagonismo: titular e autor de dúas asistencias. Sisto completou os 90 minutos de xogo dun partido histórico no que referendou a súa presenza no combinado do seu país.

Outros internacionais

Tamén foi protagonista Stanislav Lobotka. O eslovaco marcou sobre a bucina un espectacular tanto, o da vitoria, nun amigable ante Noruega.

En Austria, Maxi Gómez disputou os minutos finais na derrota de Uruguai ante o cadro local. O dianteiro charrúa entrou ao terreo de xogo no minuto 74 en substitución de Cavani.

En canto aos canteiráns Iago Aspas e Iván Villar, ningún deles gozou de minutos na xornada de onte. A absoluta española empatou 3-3 nun amigable en terras rusas e a Sub-21 goleou 5-1 a Eslovaquia para manterse invicta na fase de grupos do Europeo.

John Guidetti, que xa adestrou este mércores na Madroa, clasificouse con Suecia ao Mundial 2018 tras eliminar á histórica Italia na repesca.