Tres canteiráns celestes avanzan na selección de Fútbol Draft 2017

O Comité Técnico de Fútbol Draft, iniciativa que recoñece aos mellores xogadores de entre 16 e 20 anos formados no fútbol español, reuniuse este luns na Cidade do Fútbol de Las Rozas para realizar o terceiro corte tras seleccionar a 132 novos talentos o pasado mes de xuño. Os canteiráns celestes Iván Villar, Diego Alende e Brais Méndez superan un novo corte e pasan a formar parte dos 55 xogadores de categoría masculina que optan a conformar os Onces de Ouro, Prata e Bronce da canteira española.

Ao Comité Técnico, que preside o ex seleccionador nacional Iñaki Sáez, asistiron Javier Lasagabaster (director Futbol Draft), Albert Celades (seleccionador sub21), Luis de la Fuente (seleccionador sub19), Santi Denia (seleccionador sub17), Vicente Miera (ex seleccionador nacional absoluto), Juan Carlos Gómez Perlado (preparador físico RFEF), Diego Rivas e Jesús Barbadilla (AFE), Ángel Caballero (presidente AEAF), Juanjo González (Técnico RFEF) e Gabriel García (Técnico RFEF).