Tucu Hernández xogará no Club Atlético Independiente

O Real Club Celta e o Club Atlético Independente pecharon hoxe o acordo para o traspaso dos dereitos federativos do centrocampista Pedro Pablo “Tucu” Hernández. O internacional chileno chegou a Vigo no verán de 2014 procedente do O’Higgins e, durante catro tempadas, defendeu o escudo do RC Celta con coraxe, decoro, e a maior profesionalidade que podería esperarse dun futbolista.

Tucu despídese do club vigués con 149 partidos ás súas costas en Liga, Copa e Europa League; dez goles e un bo puñado de momentos inesquecibles para todo o celtismo que, sen dúbida, lembrará con especial agarimo a un xogador que foi exemplar tanto dentro como fose do terreo de xogo. O RC Celta desexa expresar o seu máis sincero agradecemento ao Tucu por catro anos de absoluta entrega pola camiseta celeste, así como desexarlle un rotundo éxito no seu novo reto profesional en Arxentina.