Un Celta épico quédase ás portas da fazaña (2-2)






Intenso, sen tregua… e cun reguero continuo de ocasións para o RC Celta. O cadro de Juan Carlos Unzué protagonizou un dos mellores partidos da tempada cunha actuación eléctrica, chea de intensidade e entrega. Tanto no primeiro tempo como no segundo, os celestes non deixaron de sumar oportunidades para marcar, suficientes como para asinar unha goleada das que perduran na memoria do deporte rei. A imprecisión unhas veces e un gran Ter Stegen outras o impediron.

Cando máis apertaba o Celta chegou o gol de Dembélé, o seu primeiro tanto en LaLiga, aproveitando un erro de Jonny. O canteirán celeste non tardou en resarcirse. Ao borde do descanso, o de Matamá recuperou un balón en campo propio, cedeuno, saíu disparado á área rival e rematou ao fondo da rede unha gran asistencia de Maxi Gómez.

Na segunda parte, máis protagonismo céltico. A trinta minutos para o final, Valverde deu entrada a Messi para tentar reverter a situación de dominio vigués, e funcionou. No 63 Paulinho finalizou unha combinación blaugrana para pór de novo por diante ao FC Barcelona. O RC Celta non baixou os brazos. Empuxado por un Balaídos entregado, o cadro olívico lanzouse a por o gol con determinación liderados por un Iago Aspas que é pura lenda viva. Precisamente dunha xogada individual do galego chegou unha das decisións craves do partido. No minuto 73, Aspas foi derrubado por Sergi Roberto cando enfilaba a portaría libre de marca. O árbitro non llo pensou e expulsou ao futbolista catalán con vermella directa.

O tramo final do encontro foi épico, cun Celta envorcado en campo rival que non deixaba respirar a un Barça en inferioridade numérica. O empate chegou no minuto 82, con polémica, con Aspas axudándose da man para pór o 2-2 definitivo. O Celta aínda tivo máis ocasións, a máis clara de Lucas Boyé, pero finalmente o electrónico non se moveu. Igualada chea de ‘afouteza’ e carácter que refresca a imaxe do equipo celeste. Este sábado, ante a Valencia, máis.

FICHA TÉCNICA

2-CELTA: Sergio, Wass, Sergi Gómez, Roncaglia, Jonny, Lobotka, Brais Méndez (Boyé, min.83), Jozabed (Radoja, min.73), Iago Aspas, Sisto (Emre Mor, min.79), Maxi Gómez.

2-BARÇA: Ter Stegen, Semedo, Yerry Mina, Vermaelen, Digne, Denis Suárez, Paulinho, André Gomes (Sergi Roberto, min.60), Dembélé (Aleix Vidal, min.77), Coutinho (Messi, min.60), Paulinho.

Goles: Dembélé (0-1, min.36); Jonny (1-1, min.45); Paulinho (1-2, min.63), Iago Aspas (2-2, min.82).

Árbitro: Fernández Borbalán, do comité andaluz. Expulsou a Sergi Roberto (min.71). Amonestou a Iago Aspas, Wass, Jonny (Celta).

Campo: Balaídos (20.347 espectadores).