Un vello coñecido regresa polo Samaín…

Samaín, Halloween, Noite de Bruxas, Noite de Mortos… volve a véspera de Todos os Santos, a noite máis terrorífica do ano. O RC Celta únese a esta celebración, cuxa orixe atópase na festividade céltica de Samhain, cun cartel de película que trae de volta a un vello coñecido do celtismo.

Presentado en Balaídos o 17 de xullo de 1996, Celestino foi a segunda mascota do RC Celta tras Nocho, a gaivota que rendía tributo ao mítico futbolista celeste Joaquín Santomé “Quinocho”. Inexpresivo ou pouco agraciado foron tan só algúns dos terribles cualificativos que Celestino sufriu desde a súa entrada en escena. Ante o repudio dos afeccionados máis veteranos a mascota buscou amparo no sector xuvenil e infantil… pero non foi precisamente amor o que atopou entre os máis cativos. “Os nenos tíranme de todo”, declarou a La Voz de Galicia en 1998, frustrado pola súa fama de asustar aos rapaces.

O club tentou apoiar á súa mascota e no ano 2002 organizou unha enquisa na antiga páxina web da entidade co fin de revelar a auténtica opinión da afección dunha vez por todas. O resultado da sondaxe non puido ser máis arrepiante: o 65% dos votantes mostrou a súa aversión polo narigudo personaxe. Era o ocaso de Celestino. A tensión coa polémica mascota chegou ao seu máximo nivel pouco tempo despois, no 2005, cando foi sinalado como culpable do descenso do equipo a Segunda División e elixido Meco do Entroido. A súa condena: a fogueira.

A súa historia é coñecida por todos os celtistas, pero ninguén parece querer lembrala. Remordementos talvez? Conta a lenda que o espírito de Celestino continúa vivo, paseando polas instalacións do club, espectador silente dos devenires do club dos seus amores. Non son poucos os afeccionados que aseguran sentir a súa presenza no Museo do RC Celta en Balaídos… E ti? Viches a celestino?