Valioso empate do Celta B en O Poboado

AS_PONTES_-_CELTA_B.jpg

O filial céltico sobrepúsose aos dous tantos iniciais do As Pontes para acadar un importante punto

 

As Pontes dominou o primeiro tempo desde o asubío inicial. Os vigueses víanse excedidos por un rival que se crece no seu propio campo e que levou perigo ao área viguesa nada máis comezar o encontro. Esmoris e Amado gozaron de dúas claras ocasións nos primeiros minutos, pero non foi ata o 10 cando os locais estrearon o marcador. Pablo López remataba a gol un bo saque de esquina. Case sen tempo para a reacción chegou o segundo. De novo Pablo López, que cabeceou ao fondo da portería un bo centro medido enviado desde banda dereita.


O Celta B víase sorprendido cun temperán 2-0. A pesar das boas intencións dos de Pichi Lucas, os celestes non eran capaces de cruzar o mediocampo e moito menos aproximarse ao área rival. A primeira parte finalizou con outra clara ocasión para os coruñeses, que a poucos minutos para o descanso enviaron un balón moi preto do pau da portería defendida por Rubén, de novo titular tras recuperase da súa lesión.


O tempo de descanso sentou ben aos celestes, que afrontaron a segunda parte moito máis enchufados. Unha bonita xogada do filial terminou nunha oportunidade para Benja, anulada por fóra de xogo. O Celta B espertaba e comezaba a inquietar a portería de Kiko. No minuto 51 Camochu reducía distancias ao anotar o 2-1. Os olívicos comezaban a sentirse cómodos sobre o terreo de xogo, o que mantiña as esperanzas de puntuar no Poboado. As Pontes non quedou de brazos cruzados. Ata tres veces enviou o balón ao pau durante a segunda parte, estando moi preto de sentenciar o partido. Con todo serían os celestes quen golpearían de novo. No minuto 64 Víctor Vázquez anotou o definitivo 2-2, que ao cabo deu un valiosísimo punto ao Celta B nun campo complicado.


A actuación arbitral non estaría exenta de polémica. No minuto 40 o colexiado pitou unha man de Antón de Vicente fose da área, cando aparentemente fora dentro e como consecuencia penalti a favor dos locais. No lanzamento de falta o balón golpeou o traveseiro e foise a córner. As Pontes tivo posibilidades de facerse cos tres puntos ata o asubío final.

 

2-As Pontes: Kiko, Rochela, Esmoris, Chote, Pablo, Nano, Dani, Bossa, Dieguito, Amado e Sergio Arias

 

2-Celta B: Rubén, Jonny, Víctor Vázquez, Maestre (Borja), Maceira, Antón, Félix (Benja), Madinda, Rubén Martínez, Añón e Camochu (Thaylor)

 

Goles: min.10, Pablo López (1-0); min.15, Pablo López (2-0); min.51, Camochu (2-1); min.64, Víctor Vázquez (2-2)

 

Árbitro: García Rodríguez

 

Campo: O Poboado

Leave a Reply

five × 4 =