Veinticatro adolescentes eslovacos visitan Vigo nunha expedición solidaria

O RC Celta recibe esta semana a visita dun grupo de mozos de Eslovaquia como parte dunha iniciativa organizada pola ONG Project Integration co apoio da Fundación Celta. Desde este mércores e ata o vindeiro luns, estes vinte e catro mozos e mozas en risco de exclusión social vivirán unha experiencia inesquecible na cidade olívica.

Ademais de realizar diversas actividades culturais, a expedición visitará as instalacións do club, presenciará un adestramento do primeiro equipo e asistirá ao último partido da tempada ante o Levante en Balaídos. Os futbolistas eslovacos do RC Celta, Lobotka e Mazán, implicáronse de cheo con esta iniciativa e manterán un encontro cos seus compatriotas. De feito o primeiro deles, Stanislav Lobotka, ofreceu unha recepción aos mozos na máis aterrar en Vigo.

Os vinte e catro adolescentes que participan nesta acción foron seleccionados pola ONG Project Integration a través dun concurso de relatos cuxa temática era a axuda a colectivos desfavorecidos e historias reais de superación.