Welliton: “vou traballar, axudar ao club e alegrar á afección con goles”

welliton_01_020214.jpg

O dianteiro foi presentado esta tarde no estadio de Balaídos ante uns trescentos afeccionados

 

O último reforzo invernal do RC Celta, o dianteiro Welliton Soares, foi presentado esta tarde no estadio de Balaídos. O atacante brasileiro, que chega cedido polo Spartak de Moscova ata final de tempada, atendeu aos medios na sala de prensa e a continuación vestiu por primeira vez o uniforme celeste e branco ante uns douscentos celtistas que lle deron unha calorosa benvida desde a bancada.

 

O novo xogador céltico estivo acompañado na súa presentación polo vicepresidente Pedro Posada, quen saudou a Welliton en nome da entidade, e Miguel Torrecilla, director deportivo, que definiu ao ariete paraense como un futbolista que “destaca pola súa potencia e que vai dar variedade e competencia ao noso ataque”.

 

Welliton mostrouse agradecido e motivado nas súas primeiras palabras como celeste: “Non o pensei dúas veces. Agradezo ao club que me contraten. Esta é unha oportunidade moi boa para min”. O dianteiro, que mañá adestrará por primeira vez cos seus novos compañeiros, asegurou que vai “traballar, axudar ao club e alegrar á afección con goles”.

 

A pesar do mal tempo, máis de trescentos celtistas acudiron ao estadio de Balaídos para alentar a Welliton no seu primeiro día como xogador do Real Club Celta. O brasileiro, que levará o dorsal 25, pousou ante os medios gráficos, regalou balóns e asinou autógrafos aos afeccionados.

Leave a Reply

2 × five =