Xornada de competición amigable das escolas da Fundación Celta

Na tarde do domingo levo a cabo nas instalacións da Cidade Deportiva da Madroa unha xornada de competición amigable entre todos os clubs pertencentes ás Escolas Fundación Celta que o RC Celta ten por toda a xeografía galega. Ata A Madroa chegaron nenos desde Riveira, Ourense, Santiago, Cambados, A Estrada, Goián, Mos e, por suposto de Vigo: máis de 200 nenos da categoría alevín. Todos eles compartiron unha excepcional tarde de fútbol acompañados por numerosos familiares que encheron por completo as instalacións da Cidade deportiva.

Dita xornada tiña como principal obxectivo congregar a todas as escolas de fútbol da Fundación Celta nunha mesma competición de carácter amigable, dándolle un papel principal á convivencia entre os clubs por encima do factor competitivo, buscando consolidar a relación da Fundación Celta con todas as súas escolas de fútbol a nivel de clubs, xogadores, adestradores e familiares, unha festa da familia celtista. Viviuse unha tarde vibrante de continuos partidos onde os nenos gozaron do fútbol e o resultado por unha vez pasaba a un segundo plano.

A xornada finalizou cun bonito acto de clausura onde o director da Fundación Celta, Germán Arteta, agradeceu a presenza de todos os clubs e manifestou a súa satisfacción por poder xuntar a todas as escolas que traballan coa Fundación. O club fíxolle entrega duns detalles a todos os participantes e finalmente fíxose unha multitudinaria foto de grupo con todos os clubs mesturados mentres todos os familiares mostraban a súa satisfacción cunha forte ovación.