Xuntos somos Celta. Grazas afección.

Celtismo. Diferentes visións, distintas preferencias, opinións variadas… pero un só corazón. Isto é o celtismo. Esixente cando debe, comprensivo sempre; crítico cando procede, animoso sempre; decepcionado ás veces, pero crente; doído, pero fiel; preocupado, pero persistente. Feliz, moito, cando o equipo ofrece. Pode sentir resquemor na vitoria e orgullo na derrota. Isto é o celtismo. Se o equipo necesita levantar o ánimo, crebado polos resultados, aí está, unido e incansable. Se necesita unha inxección de fe, minguada pola situación, aí está, sen fisuras nin reproches. O celtismo sinalou o camiño no mapa cara á salvación.

Cada estamento do club, cada integrante do equipo e o corpo técnico, agradece o ensino deste partido ante o Villarreal. Un recibimento espectacular, un entusiasmo desbordante, un apoio incesante, fe. Isto é o celtismo.

Xuntos somos Celta. Grazas afección.