Hemeroteca club

Club e afección ‘90 anos xuntos’ no debut ligueiro do Celta

RC Celta

90_anos_xuntos_2120.jpg

O club anima a acudir ao estadio antes das 21.20 e participar nos novos actos do 90 aniversario

 

Balaídos acolle este luns o debut do Celta na liga 2013/2014, unha estrea ante o RCD Espanyol que contará co incondicional apoio da inchada celeste nas bancadas. A celebración será dobre, xa que nos prolegómenos do partido levaranse a cabo máis actos conmemorativos polo 90 aniversario do club, nos que a participación de abonados e afección será fundamental.

O RC Celta fai un chamamento ao celtismo para que acuda antes das 21.20 ao estadio para ser partícipes e axudar ao correcto desenvolvemento destes actos, entre eles a presentación das categorías inferiores, o futuro dunha entidade envorcada na potenciación e desenvolvemento da súa canteira. Tamén se homenaxeará ao Real Club Celta de Fútbol Indoor, vixente campión de Liga.

Xusto antes de comezar o choque, no momento no que os xogadores accedan ao terreo de xogo e soe o himno do club, os afeccionados levantarán as cartolinas depositadas nos seus asentos, coa cara branca cara abaixo, para despregar un enorme mosaico en todo o estadio coa lenda “90 anos xuntos”. Tamén haberá sobre o céspede bandeiras xigantes con motivos alusivos á celebración do 90 aniversario do Real Club Celta.

Retomaranse ademais as iniciativas iniciadas a pasada tempada polo club para que os afeccionados canten o himno ‘a capella’ e coreen os nomes dos xogadores celestes no momento no que se facilite a aliñación pola megafonía de Balaídos. Estes actos completaranse con algunhas sorpresas para redondear unha gran festa no inicio dunha ilusionante tempada.

RC Celta

Etiquetas

Hemeroteca club

Noticias recomendadas