Bradarić na súa presentación: “Hai motivos para crer”

Filip Bradaric, novo centrocampista celeste e segunda fichaxe invernal do RC Celta tras a incorporación de Jeison Murillo, presentouse oficialmente ante os medios de comunicación no Salón Rexio da Sede. O internacional croata, que formou parte da convocatoria de Óscar García ante o Eibar, estivo acompañado na súa posta de longo como futbolista céltico polo conselleiro Primitivo Ferrero e o membro da secretaría técnica e ex xogador celeste Milorad Ratkovic.

“Vin ao equipo ben situado. Fíxose todo para ter maior premio. Son optimista, porque hai motivos para crer”, valorou o subcampión do mundo na súa primeira comparecencia en Vigo. O croata asegurou que estará ao cento por cento “enseguida” para axudar aos seus novos compañeiros e, preguntado polo seu perfil futbolístico, mostrouse aberto a cubrir calquera necesidade de equipo e adestrador: “”Podo adaptarme a calquera necesidade táctica, tanto como pivote defensivo como nun rol máis ofensivo”.

Bradaric adestra co primeiro equipo desde o pasado sábado e presenciou o empate ante o Eibar desde o banco. O centrocampista chega cedido até final de tempada e levará o dorsal 14.