Comunicado do RC Celta

Tras analizar en profundidade diversa información relativa ao proxecto de reforma da bancada de Marcador, o RC Celta vese obrigado de novo a reclamar un estadio digno para a afección, para o club e para a cidade dada a inmensa chapuza que o Concello de Vigo realizará na emblemática bancada.

O club puido constatar a existencia de numerosas deficiencias que causarán innumerables problemas e incomodidades aos afeccionados. En primeiro lugar, tal e como se deseñou a cuberta non haberá protección para a choiva, que afectará practicamente á totalidade da bancada. Isto nun estadio ‘novo’ resulta absolutamente intolerable.

A solución adoptada para a unión entre as bancadas de Tribuna e Río con Marcador supón diversos problemas para numerosos afeccionados, ademais dunha proposta estética nefasta. Haberá abonados e afeccionados de Río Baixo que terán en fronte a bancada de Marcador en lugar do terreo de xogo, é dicir, deberán virarse por completo para poder seguir o partido.

Ademais, o estadio terá bancadas completamente diferentes e asimétricas, con distinta estrutura e altura. O engarce das bancadas realizouse sen un mínimo de criterio estético e resulta simplemente horroroso. A comunicación prometida entre as bancadas para facilitar mobilidade, accesos e evacuación minimizouse cunha solución totalmente insuficiente.

O club considera tamén que a reforma debe completarse co achegamento da bancada a catro metros do terreo de xogo, tal como fixo o RC Celta na reforma de Tribuna Baixa, a única bancada nova, construído polo club e o único que colma as esixencias de comodidade e funcionalidade para abonados e afeccionados.

Un asunto especialmente ferinte para o celtismo é o dos prazos de execución da bancada, modificados sen explicacións en diversas ocasións e que acumulan un notable atraso que na práctica ocasionou xa prexuízos a abonados, afeccionados e ao club. Neste sentido, cabe lembrar a campaña de abonados da presente tempada, sen altas en Marcador, con listas de espera e imposibilidade de elixir bancada en moitos casos dada a advertencia do Concello de que a reforma comezaría o pasado verán. Case un ano despois non se moveu absolutamente nada.

Outro aspecto a destacar é o millonario sobrecusto que se ha ir acumulando desde que se anunciou a reforma do estadio, que tiña que concluír na súa totalidade en 2017 e nin sequera estará completa no centenario do club. Ao final, perpetrarase unha gran chapuza que pagarán os cidadáns cando o RC Celta ofreceu diferentes solucións para evitalo.