Comunicado do RC Celta

O RC Celta, tratando de actuar coa máxima coherencia e responsabilidade, dá un importante paso para afrontar coas maiores garantías posibles o suposto de que a competición de Liga non se poida retomar. O club pechou hoxe un acordo de redución salarial cos integrantes do corpo técnico e xogadores do primeiro equipo e do filial e co resto de empregados con salarios que superen unha determinada cantidade, entre os que se inclúen servizos médicos e directores do RC Celta. O club quere expresarlles o seu agradecemento por facilitar un acordo necesario para a entidade e por comprender e asumir a complicada situación económica á que se viron abocados os clubs tras o cesamento de actividade motivado pola declaración do estado de Alarma en España para frear ao Covid-19.

O quere expresar tamén o seu agradecemento a Abanca, que xa fixo público que respectará o contrato da actual tempada, Hijos de Rivera (Estrella Galicia e Cabreiroa) e Adidas, como principais patrocinadores do club, pola súa comprensión, disposición e compromiso ante a actual situación. O RC Celta fai extensible este agradecemento aos demais patrocinadores oficiais: Turismo de Maldivas, Bet365, Recalvi, Coca-Cola, Xenera e ao resto de colaboradores  polo seu decidido apoio ao club no que resta de tempada.

Todos os integrantes do RC Celta demostraron unha vez máis un extraordinario grao de compromiso e, sobre todo, de unión e respecto a un escudo, a un club, cunha masa social solidaria e exemplar que merece todos os esforzos posibles. Pero non poden deterse aí, a propia historia do club impúlsalles a envorcarse na axuda á sociedade, coa que o RC Celta estará sempre en débeda polo constante apoio que sempre lle mostrou e que foi determinante nos momentos de maior dificultade.

Por iso, o gran reto da entidade nestes momentos é axudar e achegar e para iso segue traballando sen pausa na posta en marcha de accións e iniciativas encamiñadas a colaborar coa sociedade nesta dura loita para frear ao COVID-19.