Primeiro Equipo

LIGA | O Celta cae ante o Sevilla nun partido de poder a poder (0-3)

RC Celta

wass-celsfc-1516.jpg

 

Balaídos viviu un partido eléctrico, de ti a ti desde o primeiro minuto. O Sevilla adiantouse ao comezo da segunda parte cun tanto de cabeza de Iborra, quen acabaría sendo o gran protagonista do encontro. Os vigueses dérono todo por reverter o resultado, pero os andaluces foron moito máis efectivos e terminaron goleando. Iborra, primeiro á contra e xa no desconto desde o punto de penalti, asinou un ‘hat-trick’ que deu o tres puntos ao Sevilla. Resultado moi avultado para un Celta que mereceu máis e que perdeu tras encadear cinco triunfos ligueiros en Balaídos.

 

Primeiro tempo de ida e volta con ocasións para os dous equipos. O Sevilla foi o primeiro en aproximarse á área rival cun par de disparos con apenas perigo para Rubén Blanco. Os andaluces tiveron dúas grandes oportunidades para adiantarse no marcador, a primeira nun remate de Ben Yedder na área pequena que o porteiro celeste despexou cunha gran parada, e un cabezazo de N’Zonzi que golpeou o traveseiro.

 

O Celta tamén rozou o gol no primeiros corenta e cinco minutos do choque. Primeiro foi un balón peiteado por Iago Aspas a pase de Sisto, remate que despexou Sergio Rico, e máis tarde Orellana. Tras unha excelente xogada de Aspas, o internacional chileno realizou un espectacular remate acrobático que se marchou fóra por pouco.

 

Sampaoli fixo o primeiro cambio tras o descanso, unha decisión con resultado inmellorable para o técnico sevillista. Iborra, recentemente entrado no lugar de Nico Parella, adiantou ao Sevilla cabeceando un saque de esquina. O Celta non baixou os brazos. Intensificou o seu traballo en ataque nun partido que continuou sendo de ti a ti, fermoso para o espectador chairo pero de infarto para o celtismo.

 

Mediado o segundo tempo chegou unha dobre oportunidade para os de Berizzo, primeiro nas botas de Guidetti nun potentísimo disparo que despexou Rico e, no rexeite, rematou Orellana. A defensa despexou o esférico. Empuxados por Balaídos, os celestes viñeron arriba e ganduxaron xogadas cheas de calidade en territorio andaluz. O gol facíase de rogar.

 

Co Celta envorcado en ataque e xa mostrando síntomas de desgaste físico, o Sevilla matou o partido. Dobrete de Iborra, o primeiro á contra e o segundo, xa no tempo de desconto, desde o punto de penalti. Avultado resultado final para un Celta que mereceu máis. A próxima xornada o cadro galego visita San Mamés.

 

FICHA TÉCNICA

0-CELTA: Rubén, Roncaglia, Cabral, Sergi Gómez, Jonny, Marcelo Díaz, Wass (Bongonda, min.73), Pablo Hernández, Orellana, Sisto (Guidetti, min.66), Iago Aspas.

 

3-SEVILLA: Sergio Rico, Rami, Pareja (Iborra, min.46), Mercado, Mariano, Sarabia, N’Zonzi, Nasri, Vázquez (Kolodziejczak, min.75), Vitolo, Ben Yedder (Correa, min.80).

 

Goles: Iborra, 0-1, min.51; Iborra, 0-2, min.84; Iborra, 0-3, min.91 (de penalti).

 

Árbitro: Undiano Mallenco, do comité navarro. Amonestou a Iago Aspas, Pablo Hernández e Guidetti (Celta); Mariano, Vitolo e Vázquez (Sevilla).

 

Campo: Balaídos (19.467 espectadores).

 

Incidencias: antes do partido gardouse un minuto de silencio en memoria de Juan Mouriño Atanes, irmán do presidente do RC Celta; Xullo Vieira Ruiz, abonado insignia de ouro do RC Celta; José María Landín Gesteiro, abonado insignia de prata do RC Celta; e das vítimas do atentado terrorista en Istambul.

RC Celta

Etiquetas

Primeiro Equipo Hemeroteca primer equipo gl Hemeroteca primer equipo gl Hemeroteca primer equipo gl Primeiro Equipo Primeiro Equipo

Noticias recomendadas