O RC Celta fortalece o seu centro do campo coa fichaxe de Renato Tapia

O RC Celta pechou a contratación do centrocampista peruano Renato Tapia, quen terminou contrato co Feyenoord o pasado 30 de xuño e firma ata o ano 2024. O conxunto celeste suma desta maneira despregue físico, recuperación de balón e velocidade na creación de xogo coa chegada do internacional suramericano.

Renato Tapia (Lima, 1995) formouse nas categorías inferiores do Twente holandés, desde onde chegou ao Feyenoord, un dos grandes equipos dos Países Baixos. En Róterdam, o centrocampista peruano disputou ao redor de 60 partidos, incluídos unha decena de Europa League, e conquistou unha liga e dúas copas de Holanda.

Tapia é internacional absoluto con Perú, selección coa que xogou medio centenar de encontros e coa que participou no último Mundial de Rusia e en dúas Copas América.

O novo xogador do RC Celta destaca polo seu despregamento físico, o que lle permite recuperar numerosos balóns en cada partido. Ademais, posúe unha gran técnica de pase e é poderoso no xogo aéreo.