Os Campus de Verán da Fundación Celta by Cabreiroá despídense ata a próxima tempada

Os campus de verán da Fundación Celta by Cabreiroá chegaron ao seu fin esta tempada coa clausura das sedes de Monforte e Oroso. Foron sete semanas de fútbol e diversión repartidos en emprazamentos de toda a xeografía galega e onde os máis pequenos tiveron a oportunidade de aprender as técnicas utilizadas polo club nas súas categorías inferiores e escolas.

Desde a Fundación Celta queremos agradecer aos patrocinadores e entidades co-organizadoras da actividade o seu importante apoio para sacar adiante os campus nunha tempada moi especial que estaba marcada pola situación pandémica.

Queremos agradecer tamén á asociación Vodea que desinteresadamente prestou formación en primeiros auxilios na sede de Coia e a todos os participantes a súa comprensión, saber estar e responsabilidade durante todas as xornadas nas que tomaron parte. Estamos profundamente satisfeitos de poder celebrar os nosos campus con todas as garantías sanitarias e esperamos que fose unha experiencia de voso agrado.

Na Fundación Celta traballamos ano a ano en tratar de mellorar para ofrecer unha actividade que se traduza en vivencias que queden na memoria dos nosos alumnos. Volveremos a tempada que vén con máis fútbol e sorpresas na que será a nosa edición número XXV.