Os xogadores do RC Celta, ‘mestres’ da canteira celeste

O recoñecido método de traballo da canteira celeste continúa crecendo e fortalecéndose con novas iniciativas para potenciar ao máximo o futuro dos canteiráns do club. O departamento de categorías inferiores do RC Celta iniciou esta tempada unhas ‘Xornadas de Tecnificación e Convivencia’ dentro do programa SICO (Sesións Individuais e Colectivas de Optimización), unha sorte de master class sobre o céspede na que os canteiráns teñen a oportunidade de recibir pautas e consellos por parte dos futbolistas do primeiro equipo e do Celta B.

“Os futbolistas profesionais son un referente para os nenos. Utilizando isto, facemos sesións específicas onde traballamos contidos individuais técnicos e tácticos e nas que os canteiráns conviven cos xogadores profesionais do club”, explica Eduardo Covelo. O responsable de metodoloxía detalla o funcionamento destas sesións, nas que xa participaron Sergi Gómez e Sergio ou os futbolistas do filial Kevin e Sotres: “Dan consellos, correccións, resolven dúbidas… Normalmente son similares aos que dan os técnicos, pero cando o di un referente para ti, seguro que queda tatuado na túa pel e ten máis efecto”.

Antes de cada sesión, os técnicos da canteira charlan cos ‘cracks’ sobre os aspectos que se van a abordar durante o adestramento. A partir de aí, os ‘mestres’ do primeiro equipo e do filial “teñen absoluta liberdade para introducir as súas feedbacks, correccións, consellos…”, asegura Covelo, quen destaca que as primeiras experiencias tiveron “uns efectos positivos”.