RC Celta e Fundación súmanse á ‘operación quilo online’ do Banco de Alimentos de Vigo

O estado de alarma polo COVID-19 condicionou o desenvolvemento de campañas solidarias que requirían unha participación presencial, pero estas limitacións non representan un obstáculo cando a ilusión e a vontade de colaborar son firmes. É o caso do Banco de Alimentos de Vigo, que, lonxe de desistir, abriu un novo camiño para axudar ás persoas máis vulnerables da provincia. O RC Celta e a súa Fundación, co presidente Carlos Mouriño e un dos capitáns, Iago Aspas, á cabeza, súmanse a unha gran iniciativa da entidade, que habilitou a compra de cestas solidarias de produtos básicos a través da súa web www.bancoalimentosvigo.org, unha campaña posta en marcha con gran éxito nas redes sociais co hashtag #yoayudoalbancobueno.

Os donantes poderán sumarse a esta ‘operación quilo online’ adquirindo tres tipos de cestas con alimentos por importe de 10, 20 e 30 euros e tamén poderá prefijar unha cantidade de diñeiro calquera que tamén se traducirá na adquisición de comida. Esta campaña xurdiu ante a imposibilidade de realizar recollidas de comida presenciais con voluntarios nos supermercados tras dispararse a necesidade entre as persoas máis vulnerables da provincia.

O RC Celta e a súa Fundación animan á cidadanía a que participe nesta campaña xurdida nun momento especialmente compricado para os colectivos máis desfavorecidos. Desde o inicio da crise sanitaria, club e fundación lanzaron diversas iniciativas para colaborar coa sociedade, entre elas a donación de máis de 300.000 unidades de material sanitario e a cesión da residencia da canteira en A Sede ao Sergas, a extensión da iniciativa de batas solidarias, ideada para que os nenos hospitalizados poidan lucir a camiseta do seu equipo favorito en lugar da aburrida bata verde, a diversos hospitais galegos, a donación de alimentos a comedores sociais ou as chamadas dos xogadores aos abonados de maior antigüidade.