UEL | Celta 3-2 Genk: a historia escríbese en Bélxica

golgenk-aspas.jpg

 

O Celta asinou un partido sobresaliente no que dous fallos lle pasaron demasiada factura. O Genk adiantouse ao comezo do partido, pero os celestes responderon antes o descanso con goles de Sisto, Iago Aspas e Guidetti nunha remontada espectacular. No segundo tempo os vigueses non atoparon o camiño ao gol e o Genk puxo suspense á eliminatoria co 3-2. Todo por decidir en Bélxica.

 

O primeiro tempo do Celta foi, sinxelamente, espectacular. Os celestes ofreceron boas sensacións desde o arranque do choque e, con todo, foi o Genk o primeiro en marcar. Böetius rematou un balón que non parecía destinado a terminar no fondo da rede pero, tras a parada de Sergio, o esférico botou e entrou na portaría.

 

Os ánimos non se viron afectados, nin no céspede nin na bancada. Balaídos tirou dun equipo que a cada minuto gustábase máis. O empate chegou no minuto 14, catro despois do acerto do Genk. Jonny enviou a pelota a Guidetti e o sueco, cunha calidade exquisita, deixouna de espuela para a internada na área de Sisto. Pione armou a perna e definiu con precisión.

 

Era o comezo dunha remontada memorable. Case sen tempo para que os visitantes asimilasen o empate, chegou o tanto de Iago Aspas. O galego recolleu un mal despexe, encarou a área e colocou o balón na segunda parte. Non terminaron aí os golazos. Tras unha clara ocasión do Genk, desaproveitada por Castagne, Guidetti puxo o 3-1. Merecido gol para o sueco, a un gran nivel no seu regreso tras superar a súa lesión. O dianteiro nórdico combinou con Aspas ao bordo da área e disparou sen pensalo.

 

Na segunda parte o cadro belga resistiu con maior solvencia as arremetidas célticas, por outra banda algo máis mornas. Os de Berizzo controlaban o encontro e seguían á procura de máis goles, sen éxito. O Genk mellorou e terminou recortando diferenzas, aínda que de novo con algo de fortuna. Jonny deixou pasar un centro á área celeste e Buffel, recentemente entrado ao terreo de xogo, aproveitou o ?agasallo? para rematar. Sergio logrou despexar o primeiro disparo, pero no rexeite o atacante belga cabeceou a gol.

 

O marcador non se moveu e a eliminatoria queda aberta para o partido de volta, o vindeiro xoves en Genk. A historia escribirase alí.

 

FICHA TÉCNICA

3-CELTA: Sergio, Hugo Mallo, Cabral, Fontàs, Jonny, Radoja, Pablo Hdez., Wass (Jozabed, min.78), Iago Aspas, Sisto, Guidetti (Beauvue, min.66).

 

2-GENK: Ryan, Castagne, Brabec, Colley, Uronen, Malinovskiy (Heynen, min.92), Pozuelo, Berge, Trossard (Schrijvers, min.82), Samatta, Boëtius (Buffel, min.61).

 

Goles: Boëtius, min.10, 0-1; Sisto, min.14, 1-1; Iago Aspas, min.17, 2-1; Guidetti, min.38, 3-1; Buffel, min.67, 3-2.

 

Árbitro: Clément Turpin, de Francia. Amonestou a Castagne, Trossard, Schrijvers (Genk).

 

Campo: Balaídos, 21.608 espectadores.

Leave a Reply

19 − eight =