Un sólido RC Celta vence ao Unión Berlín en Alemaña (0-3)



O RC Celta impúxose a domicilio á Unión Berlín (0-3) nun encontro no que os de Fran Escribá demostraron o seu perigo en distintos rexistros do xogo. Unha sensacional combinación entre Denis Suárez e Brais Méndez finalizada polo canteirán de Mos adiantou aos celestes excedido o cuarto de hora. Durante o primeiro tempo, varias boas intervencións de Rubén Branco permitiron aos celestes irse con vantaxe ao descanso.

O conxunto local, moito máis rodado, saíu con forza na segunda parte e dispuxo dalgunhas ocasións claras para empatar o partido. Con todo, foi Santi Mina o que aproveitou un balón de Lobotka para definir con precisión e pór o 0-2 no marcador. No tramo final, Jorge Sáenz estreouse como goleador e estableceu o definitivo 0-3 cun sensacional cabezazo.