Velocidade, desborde e habilidade para o ataque celeste coa incorporación de Álvaro Vadillo

O RC Celta pechou a fichaxe do habilidoso extremo Álvaro Vadillo, que chega libre tras finalizar o seu contrato co Granada CF o pasado 30 de xuño. O equipo celeste gana desborde, velocidade e habilidade para os dous costados do seu ataque.

Álvaro Vadillo (Cádiz, 1994) formouse na canteira do Real Betis Balompé, club co que debutou en Primeira División con apenas 16 anos. Tras abandonar o conxunto verdibranco, o extremo gaditano asinou por SD Huesca e Granada CF, equipos cos que conseguiu senllos ascensos a Primeira División sendo un xogador importante.

O habilidoso extremo pode xogar por ambas bandas e destaca polo seu caneo, velocidade e capacidade de asistir aos seus compañeiros de ataque. Vadillo suma máis de 200 partidos como profesional, 63 deles en Primeira División, e ten experiencia en competicións europeas.

O novo xogador do RC Celta defenderá a camiseta celeste até o ano 2023.