Xogadores, corpo técnico e traballadores sométense este mércores ao test PCR na Clínica RC Celta

Todos os xogadores do primeiro equipo do RC Celta, o corpo técnico, varios xogadores do filial, médicos, fisioterapeutas e outra serie de traballadores do club que acudirán durante as próximas semanas aos adestramentos na Madroa someteranse este mércores na Clínica RC Celta da Sede ao test PCR de Covid-19. Estas probas realizaranse cumprindo escrupulosamente todas as medidas de seguridade especificadas polas autoridades sanitarias.

Nos próximos días o RC Celta detallará a forma e o momento no que se retomarán os adestramentos dos futbolistas. Os xogadores do RC Celta B citados son: Yaw Yeboah, José Fontán, Jacobo González, Sergio Bermejo, Javi Gómez e Dragan Rosic.